Facultade de Fisioterapia

As matemáticas máis reais

14/05/2012 | Duvi - Diario da Universidade de Vigo

Os sectores alimenticio, biomédico ou naval benefícianse das aplicacións numéricas e estatísticas

Grupos de investigación matemática da Universidade achegan solucións aos retos empresariais

Obter o perfil óptimo da temperatura do vapor da auga no interior dun autoclave para a esterilización de latas de atún co obxectivo de minimizar o consumo enerxético e maximizar a retención de nutrientes. Coñecer a viabilidade de lubricar hélices de propulsión lateral de buques só con auga mariña en lugar de aceite. Estudar a porcentaxe de éxito en problemas de transplante de ril ou de medula ósea en pacientes con leucemia o mesmo optimizar a ruta de reparto do leite. Estes retos que se lle presentan a empresas e organismos dos sectores alimenticio, naval ou biomédico, non teñen nada en común, salvo a orixe da súa resolución: a matemática e a estatística aplicadas á xestión de problemas reais. “Hai vinte anos no mundo das matemáticas estas colaboracións eran excepcionais”, explica José Durany, membro do grupo de investigación de Ecuacións Diferenciais e Simulación Numérica da Universidade de Vigo que xunto aos grupos SiDOR e o de Simulación e Control aos que pertencen Jacobo de Uña e Lino Álvarez, respectivamente, conforman a representación viguesa na Rede Española Matemática-Industria, integrada por grupos de investigación de 18 universidades españolas [...].

[...]A diversificación de sectores cos que colaboran, marca a actividade do grupo SiDOR, Statistical Inference, Decision & Operations Research que ten achegado as súas solucións aos ámbitos biomédico, mariño ou industrial. “No sector biomédico”, explica Jacobo de Uña, “colaboramos co Hospital Xeral de Vigo identificando marcadores contra o desenvolvemento da SIDA o co Instituto Oncolóxico de Porto para estudar a incidencia, idade de diagnóstico e supervivencia ao cancro infantil en pacientes da rexión norte de Portugal”. A estes traballos publicados en prestixiosas revistas científicas, súmanse outros desenvolvidos no sector da pesca e bioloxía mariña e no da fiabilidade industrial. Redución de descartes pesqueiros, melloras na alerta de parasitosis en pesquerías comerciais ou determinación da talla óptima de recollida do mexillón e do percebe, son algúns dos proxectos levados a cabo ou en proceso para o sector mariño. Mentres “coa empresa MGI Coutier estudamos a fiabilidade de compoñentes de vehículos”, explica De Uña, “e con FEIRACO desenvolvéronse proxectos para optimizar a ruta no reparto do leite”.

O pasado mes de novembro o grupo asinou a súa participación na rede Marie Curie MEDIASRES, financiada pola UE con catro millóns de euros, para a formación nos próximos tres anos de 14 doutores en bioestatística, contando para iso coa participación das farmacéuticas: Glaxo, Novartis e Lundbeck. “Unha iniciativa que nos vai converter en actores dun proxecto apaixonante como é a formación na academia, pero da man da empresa privada, dunha nova promoción de estudantes que serán sen dúbida conscientes da relevancia dos métodos estatísticos e matemáticos na industria global”, sinala De Uña.

Leer noticia completa