Expertos nacionais e internacionais intercambian en Vigo ideas e avances sobre as curvas ROC

É unha ferramenta estatística para a análise e avaliación de procedementos de clasificación

Medicina, intelixencia artificial ou economía son algunhas das áreas nas que actualmente se empregan as curvas ROC, Receiver Operating Characteristic, unha ferramenta estatística para a análise e avaliación de procedementos de clasificación. As investigación actuais, incluídos métodos de estimación e inferencia para curvas ROC; avaliación de marcadores e de procedementos de clasificación, selección de puntos de corte, entre outras temáticas, centran o programa do International Workshop on ROC Analysis and Related Topics (ROC2025) que hoxe e mañá se celebra na sede cidade da Escola de Enxeñaría Industrial, organizado polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa e o grupo de investigación SiDOR da UVigo.

18 relatorios, organizados en seis sesións, integran o programa científico no que participa persoal investigador novo, que está a facer a súa tese ou acaba de rematala, e tamén poñentes con ampla experiencia e recoñecemento internacional, como  Christos Nakas e Leonidas Bantis, autores do libro ROC Analysis for Classification and Prediction in Practice, publicado por CRC Press no ano 2023;  María del Carmen Pardo, co-editora da revista científica TEST (Springer) ou Graciela Boente (Universidad de Buenos Aires), colaboradora habitual do grupo SiDOR e académica titular da Academia Nacional de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Arxentina. “O obxectivo principal é reunir nun único evento investigadoras e investigadores especialistas nesta temática para intercambiar ideas e coñecer os traballos que están elaborando na actualidade. Isto permitiríanos coñecer cal é o estado da arte neste campo e establecer futuras colaboracións”, explica Juan Carlos Pardo Fernández, director do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da UVigo, que inclúe as curvas ROC entre as súas liñas de traballo desde hai moitos anos, ao longo dos que realizou frecuentes publicacións sobre esta materia.

Esta é a primeira vez que o Departamento de Estatística e Investigación Operativa da UVigo, co financiamento do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) organiza un seminario temático sobre curvas ROC e temas afíns.

Utilidade das curvas ROC

Un exemplo moi doado para entender o uso da curvas ROC, explica Juan Carlos Pardo, ocorre cando se fai unha diagnose médica para decidir se unha persoa ten ou non unha determinada enfermidade. “En función das características do paciente (síntomas, análise de sangue,…), este será clasificado como san ou enfermo. Calquera procedemento de clasificación non é perfecto e aquí aparecen dúas cantidades moi importantes: a sensibilidade, que é a probabilidade de diagnosticar como enferma a unha persoa que realmente está enferma, e a especificidade, que é a probabilidade de diagnosticar como sa a unha persoa que realmente está sa. Obviamente, o ideal sería que a proba diagnóstica tivese sensibilidade e especificidade iguais a 1, pero isto case nunca ocorre na práctica, porque poden aparecer falsos negativos e falsos positivos”. Son as curvas ROC as que permiten saber como se comportan a sensibilidade e a especificidade cando se cambia o criterio de clasificación, curvas que terán que ser estimadas a partir de datos. “Precisamente ao deseño deses procedementos en situacións máis ou menos complexas é o traballo que desenvolvemos as persoas que nos dedicamos á investigación en estatística metodolóxica”, aclara o director do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da UVigo.

Pardo incide no carácter eminentemente práctico das curvas ROC, que aparecen de xeito natural en calquera situación que requira a avaliación dun procedemento de clasificación. “Orixinalmente foron propostas no campo da teoría do sinal durante a Segunda Guerra Mundial, pero actualmente empréganse en moitas áreas: medicina, intelixencia artificial, economía, etc”.

Ampla experiencia en organización de eventos

Aínda que a reunión científica que hoxe e mañá se celebra na sede cidade da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo é a primeira centrada na temática ROC, SiDOR e o Departamento que dirixe Juan Carlos Pardo conta cunha ampla experiencia na organización de congresos  como o da International Society for Clinical Biostatistics, que en 2017, reuniu a máis de 600 persoas, ou a XIX Conferencia Española e VIII Encuentro Iberoamericano de Biometría en 2023, no que participaron cerca de 200 persoas.

Nesta ocasión, “aínda que organización de eventos científicos sempre supón un esforzo extra ademais das nosas obrigas docentes, investigadoras e de xestión, ao tratarse dun evento pequeno, resultounos moi manexable”, explica Juan Carlos Pardo, que se encargou da parte científica, mentres que Pablo Rodríguez, técnico de apoio á investigación do grupo SiDOR, ocupouse da parte administrativa.