A estatística, ante o reto dunha sociedade datificada

24/10/2019| DUVI – Diario da Universidade de Vigo

O presidente do INE inaugurou este xoves o Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa

Un cento de representantes de empresas, universidades e institucións públicas participan no simposio

ARTIGO

A sociedade dixital na que vivimos xera cada vez máis fontes de información e máis datos, unha contorna datificada que ofrece novas oportunidades de desenvolvemento na elaboración de estatísticas. Saber seleccionar, analizar e xestionar esas “inxentes cantidades de datos” é un dos principais retos aos que se enfronta a estatística oficial. Este será un dos temas de debate que se abordarán no Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa, que se desenvolve na Escola de Enxeñaría Industrial, en Torrecedeira, dende este xoves e ata o sábado.[…] […]A conferencia de apertura correu a cargo do presidente do Instituto Nacional de Estadística, Juan Manuel Rodríguez Poo, que explicou que a estatística oficial está dando novos pasos orientados a manter a súa relevancia e, así, continuar satisfacendo as fortes demandas de información da máis alta calidade por parte dos usuarios dos datos. “Estamos nun novo contexto de datos, o paradigma sobre o que estivemos traballando na estatística aplicada e na estatística oficial durante moitos anos está cambiando, porque a sociedade móvese e ten novas fontes de información e todo isto ten que facernos reaccionar”. Dende o seu punto de vista hai tres conceptos claves á hora de analizar a situación actual da estatística e as novas fontes de datos. Por unha banda, a realidade dunha sociedade datificada, por outra o big data, e en terceiro lugar as smart statistics, “conceptos todo eles que xa entraron no noso vocabulario diario”.

[…]No acto de apertura do simposio estiveron presentes tamén o deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, e a concelleira de Urbanismo e tenente de Alcalde, María José Caride. Font puxo en valor a importancia da estatística para a toma de decisión nas administracións públicas, no caso da Deputación en eidos como o emprego, o emprendemento, a xestión de residuos e, sobre todo, no que se refire ao turismo ou ao reto da transición ecolóxica. María José Caride deu a benvida ás e os asistentes en nome do alcalde da cidade, Abel Caballero e lembrou que a estatística é algo que cada vez lle preocupa máis a unha sociedade xa familiarizada “con conceptos como tamaño da mostra, factores de desviación, datos brutos e datos cociñados, etc.”. Finalizou destacando que decisións tan importantes como “financiar ou non un medicamento” está baseada nos datos estatísticos que avalen o éxito do tratamento.

Ao longo dos tres días que dura o congreso, desenvolveranse catro conferencias, a de apertura a cargo do presidente do INE e as de Juan José Salazar, da Universidad de La Laguna; Carmen Armero, da Universidad de Valencia, e Ingrid Van Keilegom, da KU Leuven de Bélxica. O programa complétase con dúas mesas redondas, comunicacións orais, pósters e unha sesión especial de biometría, así como unha exposición cedida por un museo de matemáticas catalán.[…]

Continuar lendo