25/06/2018| M. del Río, DUVI – Diario da Universidade de Vigo
A xornada do martes centrarase en novas terapias para o cancro ou enfermidades neurolóxicas e neurodexenerativas
Participan máis de 200 especialistas de Europa e EEUU
ARTIGO
O Congreso Anual do Centro de Investigación Biomédica botou a andar este luns cunha primeira xornada centrada nos avances relacionados coa diagnose de enfermidades. O simposio reúne este luns e martes máis de 200 investigadores e investigadoras de Europa e Estados Unidos (121 mulleres e 87 homes) e comprende un total de 20 ponencias, dez de relatores convidados e outras dez de novos investigadores, así como 45 sesións de pósters científicos. No acto de inauguración do simposio, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o decano da Facultade de Bioloxía, Jesús M. Míguez; a directora do Cinbio, África González e a investigadora e membro do comité organizador, Sara Núñez-Sánchez, remarcaron a importante proxección internacional que supón este simposio para o Cinbio e as oportunidades que abre para artellar futuras colaboracións entre grupos de países como España, Portugal, Reino Unido, Holanda, Suecia e Estados Unidos. […] […] O simposio arrancou co relatorio de José Luis Mascareñas, director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, nunha sesión plenaria na que expuxo os avances do seu grupo no deseño de catalizadores químicos baseados en metais que poidan ser introducidos nunha célula viva para actuar como encimas, as proteínas encargadas de desencadear transformacións esenciais nos tecidos.
A xornada continuou co relatorio de Aleksandr Missiul, que expuxo as aplicacións do Sincrotrón ALBA no campo da biomedicina, unha instalación científica, situada en Barcelona, que é a fonte de luz máis potente na área mediterránea, o que permite a visualización da estrutura atómica da materia. Ao longo da xornada interviu tamén Francisco Corzana, da Universidad de La Rioja, que explicou os avances no deseño de vacinas e no desenvolvemento de anticorpos como biosensores capaces de detectar tumores in vivo; Mar Rodríguez Girondo, do Leiden University Medical Center de Holanda, sobre ferramentas estatísticas que permitan realizar análises integradas e modelos preditivos; e David Gómez Cabrero, da Unidade de Bioinformática Traslacional de Navarrabiomed, nunha conferencia sobre a aplicación de metodoloxías de integración de datos no caso concreto da esclerose múltiple, centrándose no proxecto europeo STATegra.