O grupo SiDOR recibe tres expertos internacionais en análise de supervivencia e estatística e economía non paramétrica

Este encontro é considerado polos membros do grupo coma unha interacción moi importante cara á consecución dos obxectivos do proxecto MECANOS4

Investigadores do grupo SIDOR (Statistical Inference, Decision and Operations Research) reuníronse o pasado mércores 12 de novembro na Universidade de Vigo cos expertos internacionais en análise de supervencia e estatística e economía non paramétrica Jane-Ling Wang, Irène Gijbels e Juan Carlos Escanciano.

Este encontro é considerado polos membros do grupo coma unha interacción moi importante cara á consecución dos obxectivos do proxecto MECANOS4, desenvolvido por SiDOR e financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, baixo da dirección de Jacobo de Uña e Juan Carlos Pardo.

MECANOS4 integra nove doutores de SiDOR que, xunto a un elenco de colaboradores externos, traballan durante o trienio 2024-2027 nos tópicos de análise de supervivencia, datos de alta dimensión, análise ROC, contrastes de bondade de axuste e modelos de regresión complexa.

Membros dun tribunal de tese

Jane-Ling Wang, profesora distinguida do Departamento de Estatística na Universidade de California en Davis, EE.UU e experta en análise de supervivencia, datos funcionais e Machine Learning, xunto a Irène Gijbels, catedrática no Departamento de Matemáticas da KU Leuven, Bélxica, referente mundial en métodos de estatística non paramétrica e Juan Carlos Escanciano, catedrático do Departamento de Economía da Universidad Carlos III de Madrid, recoñecido experto en econometría non paramétrica e contrastes de bondade de axuste, participaron ese mesmo mércores no tribunal da tese defendida por Adrián Lago, titulada “The k-sample problem for truncated and censored dataW, dirixida por Juan Carlos Pardo e Jacobo de Uña. A tese resolve o problema da comparación de k grupos cando a información estatística encóntrase censurada ou truncada, algo moi frecuente na análise de supervivencia, un ámbito da estatística de suma importancia en estudos económicos, clínicos e de fiabilidade industrial.

A tese de Adrián Lago recibiu a máxima cualificación de Sobresaínte Cum Laude.

Así mesmo as profesoras Wang y Gijbels aproveitaron a súa presenza na UVigo para impartir conferencias abertas á comunidade universitaria sobre as súas temáticas de traballo.