O XIV Congreso Galego de Estatística reunirá en Vigo máis dun centenar de especialistas nacionais e internacionais

14/10/2019| DUVI – Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase do 24 ao 26 de outubro na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial

Os profesores Javier Roca e Antonio Vaamonde presentaron este luns o evento no Concello de Vigo

ARTIGO

Pese a ser unha cita a priori de carácter autonómico, o décimo cuarto Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa reunirá a vindeira semana en Vigo máis dun centenar de especialistas nacionais e internacionais. Así o explicaron este luns os profesores Javier Roca e Antonio Vaamonde na presentación oficial deste congreso celebrada no Concello de Vigo e á que tamén asistiu o alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Urbanismo, María José Caride. A cita, organizada polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo, será do 24 ao 26 de outubro na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial.

“Este é un encontro que se celebra de forma bianual e que se vai rotando entre as distintas cidades galegas”, explicou na presentación o presidente do comité organizador, o profesor Javier Roca, quen aclarou que, nesta ocasión, o congreso está organizado dende a Universidade de Vigo, que responde así a unha petición da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións, Sgapeio, “unha sociedade autonómica que ten como principal obxectivo divulgar estes ámbitos, tanto na parte máis metodolóxica como na máis aplicada, centrada sobre todo na resolución de problemas próximos á sociedade en xeral”, explicou Roca, ao que engadiu que estes encontros arrancaron no ano 1993 na Coruña e que, dende entón, teñen viaxado por toda Galicia (Vigo, Lugo, Santiago, Ferrol…). A gran novidade deste ano pasa, a xuízo dos organizadores, pola incorporación ao evento da Sociedade Portuguesa de Estatística.[…] […] “Vivimos nun mundo no que as cousas non son sempre igual, senón que hai moita aleatoriedade, tanto na vida real como na política, na produción industrial… e a principal ferramenta para tratar coa incerteza é a estatística, que é unha parte das matemáticas que nos permite entender mellor o mundo incerto no que vivimos”, explicou pola súa banda Antonio Vaamonde, quen tamén lembrou que a misión fundamental da Sociedade Galega de Estatística, na que se agrupan todos os profesionais que se dedican a estas tarefas en Galicia é esa: “divulgar, facer entender e promocionar a utilización correcta da estatística en todos os ámbitos, e esta é tamén a misión do congreso, facer ver cales son as principais novidades e avances que se están a producir”, recalcou o docente.[…]

Continuar lendo.